San Salvador de Orro é un templo construido no século XII, aínda que modificado posteriormente. Trátase da igrexa medieval máis alterada no seu deseño orixinal de tódalas que conservamos no concello.
Dunha soa nave que presentaba inicialmente, pasou a aumentar o seu número nun intento de ampliar a súa capacidade. Presenta un arco triunfal na entrada á cabeceira, con arco de medio puntoe capiteis con motivos vexetais.
Ademáis da súa arquitectura, esta igrexa merece ser visitada pola arte que en ela alberga; alí podemos atopar un retablo do afamado escultor galego Xosé Ferreiro, artista con destacadas obras coma o conxunto escultórico do frontón do Pazo de Raxoi en Santiago. O retablo da Transfiguración de Cristo, un dos momentos da vida de Xesús, data do ano 1774 e é a peza que conforma o altar maior da Igrexa. A Transfiguración consta dunha primeira liña superior na que Xesús está no centro, con Moisés e Elías ás beiras. Na liña inferior aparecen Xoan, Santiago e Pedro, nun entorno natural e ollando cara enriba. O artista xoga coa iluminación dun modo característico do estilo barroco, presentando a un Cristo que brilla con luz propia. Sen dúbida esta peza representa outra das xoias artísticas e de gran valor que atesora Culleredo.
Moi interesante resulta tamén o cruceiro que se atopa nas inmediacións, un dos máis antigos do concello, cunha imaxe de Xesús nunha cara do capitel e a Virxe noutra.
Estrada de Uxes a Tarrío
15199 Orro
Coordenadas:
43°17’03.0″N 8°25’37.0″W
43.284179, -8.426945
