“Capela, pombal e ciprés, pazo é”
A arquitetura civil galega está repleta de elementos singulares que a diferencian de calquer outra.
Se falamos de arquitectura civil en Galicia, nun lugar privilexiado estarían os pazos, antigas casas señoriais dos nobres dos séculos XVI ata aproximadamente o XIX. Situadas tradicionalmente no rural, representan o poder dos señores que dominaban esa terra e vivían das rendas e recadacións aos seus habitantes. Os pazos poden ter diferentes estruturas como pranta en forma de U ou L. Adoitan estar feitos en granito, e nalgúns destacan os seus inmensos xardíns, as chemineas, as solainas, as balaustradas de pedra… Unha das formas de identificalos é seguindo o refrán “Capela, pombal e ciprés, pazo é”, que se cumpría especialmente nos pazos das familias máis importantes. No exterior, nun lugar visible, estaba o escudo da familia.
Culleredo era un lugar privilexiado de veraneo a principios do s.XX; así describía Vilaboa o historiador Ángel del Castillo:
“…, val delicioso e encantador que fertiliza o regato Muíño e que limita ao Oeste e Sur coas alturas cultivadas e cheas de árbores nas súas faldras. A fermosura deste lugar fixo del unha estación de descanso estival, sendo numerosas, cómodas e elegantes as casas e quintas de recreo coas que conta.”
Aínda que Culleredo posúe un número elevado de pazos, a maior parte deles están en mans privadas. Algúns serven de vivendas, outros foron reutilizados para a hostalaría e uns poucos tiveron que ser trasladados por motivo da ampliación do aeroporto.
Rúa Leonzas, Culleredo
Coordenadas:
43°17’27.7″N 8°23’21.6″W
43.291033, -8.389332