A ponte do Burgo

Da importancia da ponte medieval do Burgo na historia de Culleredo dá idea que sexa o elemento máis destacado do escudo municipal.
A ponte de uso peonil que contemplamos na actualidade, é o resultado do magnífico traballo de restauración que realizou a Escola Taller “Ponte do Burgo” en 1992.

Da obra orixinal da Baixa Idade Media consérvanse os arcos máis próximos á Barcala, os centrais e unha parte da calzada.
Na marxe cullerdense podemos ver un perpiaño coa reprodución dos escudos das familias de Andrade e Moscoso. Os orixinais, de finais do século XIV, que conmemoran a construción ou unha reconstrución da ponte patrocinada por Fernán Pérez de Andrade, consérvanse na Igrexa de Santiago do Burgo.

Pasear pola ponte do Burgo é pasear pola historia de Galicia. É testemuña e protagonista da vida e da historia da nosa comarca desde hai centos de anos.
Templarios, piratas, mercadores, militares británicos…, cruzárono igual que podemos facelo nós hoxe.

Un dos avatares máis importantes que coñeceu a ponte do Burgo produciuse durante a Guerra da Independencia. En 1809, as tropas inglesas comandadas por Sir John Moore dinamitárono para frear o avance do exército francés e poder gañar o tempo necesario para facilitar o seu embarque cara ás Illas Británicas. As tropas francesas do mariscal Soult conseguiron, a pesar das dificultades, cruzar a ría e avanzar cara a Coruña enfrontándose aos ingleses na Batalla de Elviña, onde caería ferido de morte o comandante inglés.
Os dous bandos conseguiron o seu propósito, os ingleses embarcar e os franceses tomar a cidade.

 

Onde:
Ría do Burgo

Como chegar:
Ponte Medieval de O Burgo