Ermida de Santo Cosme

A ermida dos Santos Cosme e Damián, está emprazada sobre un antigo castro que dominaba o val de Veiga e do que aínda se poden intuír os muros defensivos e as formas circulares das casas, esta ermida remodelada nos séculos XVI e XVIII conserva boa parte da obra do século XII.

A cabeceira románica, rectangular, perfectamente diferenciada do resto da nave, ilumínase por unha xanela que no seu exterior está decorada con dúas pequenas columnas, e capiteis con representacións animalísticas dos que arrincan arquivoltas. A sobria decoración exterior complétase cos canzorros que rematan os muros.

A cuberta interior é de madeira excepto na cabeceira que é de bóveda de canón.
Os arcos de medio punto apoian sobre capiteis con decoración vexetal.

Cada primeiro domingo de agosto, a tranquilidade desta contorna privilexiada, vese alterada pola tradicional romaría dos Santos Cosme e Damián que congrega por centos aos veciños na área de recreo adxacente á capela.

Onde:
Rúa de San Cosme s/n – Sésamo

Como chegar:
Ermida dos Santos Cosme e Damián