
Rota homologada de Pequeno Recorrido, é dicir, de menos de 50 Km. Percorre os concellos de Arteixo, Culleredo e Carral. Ten unha duración de 27 km, aínda que se pode ampliar. Comparte parte do percorrido coa ruta do Xalo e dos Sete Regos e está incluida no Roteiro Mariñán.
A rota é lineal e comeza por Arteixo, sendo o punto de inicio o Paseo Fluvial da Baiuca, na ponte do Ba. Daí pártese cara Loureda, onde se pode facer unha parada na igrexa de Santa María. De orixe románico conserva o ábside orixinal. Como é común, dende a súa fundación sufriu modificacións e hoxe presenta unha fachada neoclásica. Cabe destacar o seu retablo; unha xoia do século XVIII do mesmo escultor do retablo da Transfiguración de Orro, Xosé Ferreiro.
Seguindo o percorrido pásase por Canzobre, para posteriormente cruzar ao concello de Culleredo, onde en Bregua podemos atopar a antiga estación, hoxe en día habilitada como local de restauración. Camiñando chégase a Boedo, e posteriormente ata Cabana se fai remontando o curso do río Valiñas, onde comeza a subida ao Xalo. O ascenso será de máis de 400 metros, pero as vistas panorámicas de toda a comarca farán que o esforzo mereza a pena. Este é un lugar con unha riqueza enorme, tanto natural como cultural. Nel podemos atopar mámoas, petroglifos e peculiares formacións rochosas que deron lugar ao xurdimento de numerosas lendas. O Xalo é tamén un lugar ideal para practicar actividades como a escalada, recollida de cogumelos ou a observación de aves forestais.
Despois da subida comeza o descenso que nos levará por Folgueira, en Castelo, onde localizaremos unha área recreativa e seguindo o camiño chegaremos á igrexa de San Estevo de Paleo, unha igrexa de estilo Neoclásico que marca o fin da ruta.
Ademáis se pode desviar a ruta para visitar os muíños do Rego das Xesteiras, a Torre e a Igrexa de Santa María de Celas.
Inicio: Arteixo- Ponte do Ba
Chegada: Carral- Igrexa de San Estevo de Paleo
Distancia: 27 km
Duración: 8 h. (ida) / No Concello de Culleredo: 5 h.
Dificultade: Media – Alta
Desnivel: 495 m
